Thursday 16 de May de 2024

A rapazada de Centieiras expón no Concello os seus traballos sobre o outono


O alumnado máis novo do CEIP Centieiras de Perlío visitou esta mañá a Casa do Concello para abrir oficialmente ao público unha mostra dos traballos dedicados ao outono que fixeron no último trimestre. No recibidor da sede municipal a rapazada montou coa axuda do profesorado unha exposición composta por debuxos, follas e froitos recollidos nos montes da contorna.

Máis de medio cento de nenas e nenos con idades comprendidas entre os 3 e 5 anos participaron nesta actividade desenvolvida no centro de ensino co obxectivo de traballar sobre o coñecemento do medio e o descubrimento da riqueza botánica do concello.

No último trimestre foron recollendo en parques e bosques centos de follas, pólas e froitos que despois clasificaron por especies e gardaron en caixas. De feito, o título da exposición aberta desde hoxe no acceso ao Concello é ese, “Caixiñas de Outono”, que escolman a diversidade da flora que está nesta época do ano en todo o seu esplendor.

Castañas, ourizos, landias, mazarocas de millo, mazás, cabazas, noces e un longo etcétera forman un mosaico outonal composto por case 60 cadros dispostos en tres paneis expositivos que se poderán ver ata o día 20 deste mes.

Aproveitando a visita ao Concello -na que fixo de guía a titular da área de Ensino, Mª Carmen Martínez-, o alumnado de Centieiras e mailos seus mestres e mestras tamén pasaron por Radio Fene para cantaren e recitaren poesías relacionadas con este outono atípico que está a piques de rematar.